A Ética de Aristóteles
Aristóteles escribiu tres tratados de ética:
- Grande Ética
- Ética a Eudemo
- Ética a Nicómaco
A Aristóteles considéraselle como o pai da Etoloxía (ciencia que estuda o comportamento dos animais). Todos os animais posúen un ethos (carácter determinado) diferente ao do ser humano; este posúe razón e linguaxe, que lle permiten ter elección, tomar decisións… cousas que non posúen os animais. Este ethos do ser humano proporciónao a ética.
A ética ocúpase das accións humanas que levan ao ben do home. A ética de Aristóteles é teleolóxica ou finalista. Pero, cal é este ben? Segundo Aristóteles, calquera que leve ao fin perfecto, que oriente ben a vida e que proporcione perfección como ser humano.
Por isto, a súa ética recibe o nome de eudemonista (felicidade en grego), e basease en que o único ben ou fin é a felicidade, que se busca por si mesma. Para Aristóteles, a función máis importante que o ser humano pode facer para chegar a ter unha vida feliz é unicamente a actividade contemplativa.
Cre que a mellor forma para conseguir a felicidade é utilizar a virtude (hábito de exercitar a razón). Para el hai dous tipos de virtudes:
- Virtudes dianoéticas: son as que teñen que ver co coñecemento das ciencias, que poden ser de tres tipos: teoréticas, prácticas e produtivas.
- Virtudes éticas: son as que teñen que ver co comportamento, e a máis importante é a xustiza, xa que garante a convivencia na polis.
A virtude consiste nun termo medio razoable entre dous extremos ou dous vicios (por exemplo: entre comer moito e non comer nada). Tamén considera a autarquía (non necesitar de nada nin de ninguén) como práctica importante para conseguir a felicidade.
A Política Aristotélica
Para Aristóteles, a ética e a política son inseparables. As dúas ocúpanse de saber cal é o ben do ser humano.
Sostén que o Estado é anterior á familia e a cada individuo humano. Por esta razón, Aristóteles afirma que o ser humano é un animal político ou cívico. As comunidades forman unidades orgánicas dirixidas a un fin. A máis simple é a doméstica. Desde o punto de vista xenético, é o individuo o que bioloxicamente xera a familia. Dentro da familia hai tres modos de relación:
- Varón e femia
- Amo e escravo
- Pai e fillos
A unión destas familias xera a aldea; as aldeas dan lugar á cidade, polis autárquica ou Estado. Só na cidade e só para os homes libres é posible a actividade contemplativa. Esta polis autárquica é o modelo de comunidade que fai posible que os seres humanos realicen o seu proxecto de felicidade, a súa realización plena.
Un cidadán é unicamente aquel que participa na administración da xustiza e no goberno da cidade. Só no Estado pode conseguirse que reine o ben e a xustiza. E o seu fin é a perfección moral dos cidadáns. O ideal de pequena cidade-estado para Aristóteles era unha cidade feliz.
Para Aristóteles, todos os réximes que propoñen o ben común son rectos, e os que só propoñen o beneficio dos gobernantes son defectuosos. As súas formas de goberno preferidas eran a monarquía, a aristocracia e a democracia (Politeia), coas súas dexeneracións en tiranía, oligarquía e demagoxia. O obxectivo de todas era o ben común. Se nos baseamos no seu pragmatismo, deducimos que tiña como referencia unha democracia de clase media.
Conclusión
En conclusión, Aristóteles considera que non existe un único ben (idea), senón unha multiplicidade deles. A ética de Aristóteles céntrase na educación, ten poucas tinguiduras relixiosas e acepta a importancia do corpo e dos bens materiais para conseguir a felicidade. Por outra banda, entendeu a política como unha ciencia e mantivo sempre o ideal de cidade-Estado. O home, para Aristóteles, é un ser por natureza social.