Contexto Histórico e Artístico: Do Impresionismo ao Posimpresionismo
O Impresionismo e o Posimpresionismo desenvólvense entre 1870 e 1914, nun período de grandes cambios políticos, económicos e sociais. A burguesía consolida o seu poder tras o fracaso das revolucións, creando unha sociedade máis estable e alfabetizada que se converte no principal público da arte.
Ao mesmo tempo ten lugar a Segunda Revolución Industrial, con importantes avances como o uso da electricidade e do petróleo, así como o desenvolvemento dos transportes. Isto transforma a vida diaria e favorece o crecemento económico. Por outra banda, as potencias europeas inician a expansión colonial (Imperialismo), o que aumenta as rivalidades entre países e acaba provocando a Primeira Guerra Mundial.
Este contexto inflúe directamente na arte: os artistas abandonan os temas relixiosos e históricos e céntranse na vida cotiá e urbana. Ademais, a fotografía libera á pintura de imitar a realidade e os avances técnicos permiten pintar ao aire libre, mentres que o xaponismo introduce novas formas e composicións.
Neste marco, o Impresionismo busca captar a luz e o instante cunha visión máis optimista, mentres que o Posimpresionismo evoluciona cara a unha arte máis persoal e emocional, reflectindo a inestabilidade da época.
Francisco de Goya: Entre a Tradición e a Modernidade
Francisco de Goya viviu entre os séculos XVIII e XIX, nunha época de grandes cambios marcada pola Revolución francesa e as súas consecuencias en España. Durante os reinados de Carlos III e Carlos IV, España pasou de enfrontarse a Francia a aliarse con ela, o que permitiu a entrada de Napoleón e provocou a crise da monarquía, coa abdicación de Carlos IV e Fernando VII e a chegada de José Bonaparte ao trono.
Entre 1808 e 1814 desenvolveuse a Guerra da Independencia, un período de gran inestabilidade no que houbo división entre afrancesados e resistentes, ao tempo que os liberais aprobaron a Constitución de Cádiz de 1812. Tras a guerra, Fernando VII restaurou o absolutismo, aínda que durante o Trienio Liberal (1820-1823) viuse obrigado a aceptar o liberalismo antes de volver ao poder absoluto. Este contexto de conflitos influíu profundamente en Goya, que acabou exiliándose en Burdeos.
No plano artístico, Goya foi un pintor moi innovador que non se limita a un só estilo, senón que combina elementos do Rococó, do Neoclasicismo, do Prerromanticismo e do Realismo. A súa obra evoluciona desde temas máis alegres nas súas primeiras etapas ata unha visión cada vez máis crítica, escura e persoal, especialmente marcada pola guerra e pola situación política. Así, Goya non só reflicte a súa época, senón que tamén anticipa movementos artísticos posteriores.
Glosario de Termos Artísticos
- Aparello almofadado: Muro construído con aparello de cantería coas xuntas afundidas polo que dá a sensación de relevo. Moi empregado no Quattrocento italiano (Renacemento).
- Arco rebaixado: Tipo de arco que ten unha altura menor que a súa semiluz.
- Arquivolta: Rosca ou frente dun arco. En plural fai referencia ao conxunto de arcos inscritos uns nos outros que organizan unha portada abociñada. Frecuente no románico e gótico.
- Claroscuro: Técnica artística que consiste en representar as luces e sombras dunha figura, mediante a gradación ou o contraste de valores cromáticos.
- Clave dun arco: Dovela central coa que se pecha un arco ou unha bóveda.
- Cor complementaria: Tipo de cor secundaria que contrasta plasticamente coa primaria que non intervén na súa composición.
- Columna salomónica: Columna de fuste helicoidal típica do barroco europeo.
- Contraforte: Soporte pegado ao exterior dun muro que serve para reforzalo.
- Cadro de Historia: Xénero pictórico que representa temas históricos, literarios e acontecementos contemporáneos.
- Cadro de xénero: Xénero pictórico creado no Barroco que representa escenas domésticas e da vida cotiá.
- Dovela: Peza en forma de cuña que se usa para a construción de arcos e bóvedas.
- Esfumado (Sfumato): Técnica de pintura que consiste en distribuir as sombras tenues para darlle un aspecto de difuminado (Leonardo da Vinci).
- Estatua ecuestre: Xénero escultórico no que se representa ao personaxe montando a cabalo.
- Estilo: Manera propia, característica e peculiar de facer algo.
- Iconografía: Estudo da orixe, formación e desenvolvemento dos temas figurativos.
- Imposta: Saínte que marca o arranque dun arco ou unha bóveda.
- Liña serpentinata: Característica do helenismo e manierismo, onde as figuras se contorsionan nunha ascensión helicoidal.
- Ménsula: Saledizo dun muro que soporta unha carga.
- Natureza morta (bodegón): Representación pictórica de elementos inanimados.
- Perspectiva aérea: Recurso para simular a profundidade tendo en conta a importancia do aire na visión dos obxectos.
- Perspectiva lineal: Formulación matemática que crea a profundidade trazando liñas cara a un punto de fuga.
- Piar: Elemento sustentante vertical, robusto e de sección poligonal.
- Pilastra: Pilar adosado ao muro, que pode ter función estrutural ou decorativa.
- Retrato: Representación dunha persoa en debuxo, pintura ou escultura.
Estudo de Obras Seleccionadas
O Quitasol (Goya, 1777)
Escena de galanteo e ocio, propia da vida cotiá, realizada como cartón para tapiz. Destaca polo uso de cores vivas, luz natural e unha composición triangular que aporta estabilidade.
A carga dos mamelucos (Goya, 1814)
Representa o levantamento do pobo madrileño. Caracterízase por unha pincelada solta, violenta e unha composición aberta que transmite caos e dinamismo.
Os fusilamentos do 3 de maio (Goya, 1814)
Obra antibelicista que utiliza a luz artificial dun farol para centrar a atención no protagonista, simbolizando a resistencia e o sacrificio.
Saturno devorando ao seu fillo (Goya, 1820–1823)
Pertencente ás Pinturas Negras, é unha obra de gran carga expresiva, con cores escuras e anatomía distorsionada que reflicte o pesimismo do autor.
O almorzo sobre a herba (Manet, 1863)
Obra provocadora que rompe coas normas académicas. Destaca polo uso de cores puras, luz frontal e a mirada directa da protagonista ao espectador.
Noche Estrellada (Van Gogh, 1889)
Obra posimpresionista que utiliza pinceladas curvas e cores simbólicas para expresar a angustia vital do artista.
Visión despois do sermón (Gauguin, 1888)
Exemplo de sintetismo e cloisonnismo, onde a cor arbitraria e a ausencia de perspectiva tradicional serven para expresar unha visión espiritual.
Tarde de domingo na Grande Jatte (Seurat, 1886)
Obra fundamental do puntillismo, baseada na investigación científica da cor e a percepción óptica.
Escultura: A Idade Madura (Camille Claudel)
Obra de 1898-1899 que representa o paso do tempo e o conflito emocional. A través dun modelado expresivo e o contraste entre superficies pulidas e rugosas, Claudel logra transmitir dor e abandono, reflectindo tanto unha temática universal como a súa propia vivencia persoal.