Kant e o Contexto da Ilustración
Kant pertence á Ilustración (tamén chamado «Século das Luces» ou «Século da Razón»), movemento filosófico e cultural que no século XVIII se estendeu por toda Europa, que deu comezo a unha nova época baseada na razón, pasando da escuridade, da ignorancia e do sometemento á luz, o saber e a emancipación.
Orixe e Propagación do Movemento
Xeograficamente, a orixe da Ilustración sitúase en Inglaterra, no pensamento filosófico de Locke e do científico Newton, mais estas ideas estendéronse grazas á súa propagación dende Francia con pensadores coma Voltaire, Rousseau ou Montesquieu. Por outra parte está Alemaña, que aínda que a súa incorporación plena á Ilustración foi tardía, esta alcanzou nela un desenvolvemento maior que en calquera outro país.
A Razón Empirista e a Crítica ao Antigo Réxime
Non obstante, os ilustrados interpretaron a razón e o coñecemento dende o punto de vista EMPIRISTA (crítica de todo uso das ideas que non estea fundado na experiencia).
A confianza ilustrada na autonomía da razón vai á par dun posicionamento crítico fronte ás formas de autoridade establecidas polo «Antigo Réxime». O que se debe ás monarquías absolutas, estas estaban vinculadas a unha organización estamental na que a nobreza e o clero mantiñan privilexios feudais (como non pagar impostos e vivir de rendas) mentres que o «terceiro estado» sufría pesadas cargas e padecía as crises económicas. Fronte ao Antigo Réxime, os ilustrados proclamaban e defendían un conxunto de valores e dereitos fundamentais:
- A liberdade económica e o dereito de propiedade.
- A liberdade de pensamento e de expresión.
- A igualdade política.
- O dereito a unha xustiza independente e equitativa.
- O dereito á educación.
As ideas políticas dos ilustrados influíron nalgúns monarcas absolutos, que se inspiraron a gobernar de acordo cos principios da Ilustración.
O Ideal de Natureza e a Crítica Social
A crítica das costumes e das institucións históricas positivas induce a formular un ideal antitético: a idea de natureza. Máis alá do que a historia creou artificial e do arbitrario nos homes, nas costumes e na sociedade, os ilustrados propóñense redescubrir o núcleo natural orixinario (ideas de “estado de natureza”). A nostalxia pola natureza e polo estado básico do home están na orixe do gran interese do século XVIII polas culturas exóticas e primitivas.
A crítica da sociedade establecida e a nostalxia do estado primitivo (idealizado como un estado de pureza e inocencia) combínanse para dar lugar á convicción de que a natureza humana é boa e que son as institucións sociais e políticas as que a desintegran.
Características da Razón Ilustrada
É por todo isto que a razón que os ilustrados conciben é:
- Autónoma: pois rexeitan como guía á TRADICIÓN e isto supón á súa vez a liberación de toda tutela exterior e de toda autoridade (especialmente da relixión).
- Crítica: pois unha das súas funcións principais consiste en someter á revisión e á análise os elementos e o funcionamento da sociedade, da cultura e da propia razón.
- Empírica: fronte a unha razón cargada de contidos (ideas innatas), que pretende coñecer a realidade dende si mesma dun modo dedutivo e a priori.
- Secularizada: é importante sinalar que esta secularización lévase a cabo trasladando os grandes temas do pensamento teolóxico ao orde mundano, onde se reinterpretan.
- Transformadora: para eles a razón ten a función de transformar a realidade (natural ou social) para atender as necesidades do ser humano.
Non conciben a ciencia ao modo aristotélico senón ao de Bacon, é dicir, concíbena como motor do progreso material da humanidade. Esta tamén ten a función de transformar a sociedade humana para facela máis libre e máis xusta; é o exercicio autónomo desta razón transformadora o que posibilitará o progreso material e moral da sociedade.
Kant e a Resposta á Pregunta: Que é a Ilustración?
Kant expón o que el entende por Ilustración nunha pequena obra de 1784 titulada “Resposta á pregunta: Que é a Ilustración?” Desta pequena pero influínte obra procede a súa coñecida definición metafórica da Ilustración como “saída do home da minoría de idade” e a súa frase exhortativa “Sapere aude” (“atrévete a saber”), que se convertirá no lema da Ilustración. Nesta obra, ademais, reflexiona sobre as causas da “minoría de idade” e sobre como saír dela, reivindicando a liberdade para facer “uso público da razón”.
A Minoría de Idade e a Autonomía do Individuo
Ao falar de minoría de idade fai referencia á incapacidade de servirse do propio entendemento sen a dirección doutro. Un mesmo é culpable desta minoría de idade cando a causa dela provén da falta de decisión e ánimo para servirse con independencia, manténdose na minoría de idade PASIVA.
Falando das causas da minoría de idade e das dificultades para saír de dito estado, Kant menciona especialmente dúas: a pereza e a covardía.
O filósofo posuía moito interese en que cada un se fixera unha serie de cuestións filosóficas primordiais:
- Que podo saber?
- Que debo facer?
- Que podo esperar?
Pois desta forma se cumpriría en cada individuo a independencia verdadeira: edificar a súa propia vida e o seu propio plan fundamental dependendo basicamente todo de si mesmo. Ao actuar desta forma afirma que nos converteremos en soberanos do noso plan fundamental e decidiremos que a meta da nosa vida está no noso poder, actuaremos para conseguila e recoñeceremos o que obstaculiza a nosa meta.
O Custo da Liberdade
A liberdade que propugna Kant ten un alto custo: o de pensar por nós mesmos sen a guía de tutores que nos eviten a fastidiosa tarefa de pensar. Para referirse a esta última, Kant fala de “liberdade para facer uso público da razón”; segundo el, sen ela, non haberá auténtica ilustración.